Friday 03 de May de 2024

O PEPRI permitirá reforzar a protección e conservación do patrimonio do centro histórico á vez que se impulsa a súa rexeneración social e económica


O Goberno local leva ao pleno, o próximo luns 26 de xaneiro, a aprobación definitiva do documento, tras o visto e prace, esta mañá, da Comisión de Urbanismo

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, informou esta mañá do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán, que o Goberno local levará ao pleno do próximo luns, 26 de xaneiro, para a súa aprobación definitiva, tras recibir o visto e prace na Comisión de Urbanismo desta mañá: “Será un día histórico porque se pon fin a unha longa tramitación, a moito traballo, tanto do equipo redactor coma de todas as administracións que achegaron o seu granito de area, e comeza unha nova etapa que veciños, comerciantes e propietarios da zona esperaban”, subliñou Fernández Prado, á vez que recordou que tan só quedará xa pendente a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do documento para a súa entrada en vigor.
O tenente de alcalde mostrou o seu agradecemento a todas as persoas implicadas na elaboración deste novo documento cuxo principal obxectivo, xunto coa defensa e conservación do patrimonio, sempre foi o de ser un documento aberto e suxeito á maior participación posible.
Neste sentido, recordou que o traballo entre Concello e Xunta, especialmente da Dirección Xeral de Patrimonio, “foi dun diálogo continuo” xa que houbo reunións periódicas para tratar de perfeccionar un plan no que se tiveron en conta o 95% das alegacións recibidas, distintos informes sectoriais, así como os dos propios servizos de Urbanismo e da Xunta: “Este exhaustivo e minucioso traballo deu como resultado un instrumento actualizado, flexible, acorde ao PGOM vixente, participado e consensuado”, sinalou e incidiu na relevancia que ten para a cidade o ter aprobado nun só mandato dúas ferramentas tan importantes para a planificación da cidade do futuro como son o PGOM e o PEPRI.
“Tras 17 anos en vigor, a perda patrimonial do 10% dos edificios catalogados (94) na última década e a aprobación dun novo PGOM, a actualización do PEPRI era imprescindible”, asegurou Fernández Prado, quen destacou que con este novo documento
cúmprense os obxectivos marcados:

. Un instrumento actualizado. A revisión do PEPRI permite á cidade contar cun instrumento de traballo máis actualizado, que facilita o día a día do Concello, dos profesionais e, mesmo, dos veciños. Permite contar cunha ficha individual de cada edificio -hai ao redor de 1.700 no ámbito- totalmente detallada que inclúe, mesmo, información arqueolóxica. Axústase, ademais, ao novo PGOM, outro instrumento que aposta pola rehabilitación.
. Un plan consensuado e transparente que reflicte as demandas dos veciños. A tramitación foi longa, pero permitiu contar cunha ferramenta detallada que se foi perfeccionando coas achegas das distintas administracións implicadas e coas alegacións de veciños e colectivos -recibíronse 1.558-. Neste sentido, houbo case unha vintena de reunións con asociacións veciñais e colectivos; publicouse o documento na web municipal; formouse un equipo que atendeu persoalmente aos interesados e realizouse unha exposición divulgativa. “Sen dúbida o documento mellorou coas achegas de veciños, colectivos e particulares,” apuntou o concelleiro.

. Un novo modelo de cidade que aposta pola rehabilitación e polo coidado do pasado. O novo PEPRI, xunto co PGOM, será a guía que permita abandeirar un novo modelo de cidade que aposta pola rehabilitación e a mellora da calidade urbana: “Apostando por unha cidade non de expansión, senón centrada na mellora dos barrios”. Un modelo que encaixa coas iniciativas que o Goberno local puxo en marcha no mandato co obxectivo de coidar o pasado: como o Plan de Murallas ou a recuperación (tras negociacións con outras administracións) de edificios emblemáticos para dotalos de actividade e contido como o CIDEA, a Casa do Consulado, o Goberno Militar ou a Fábrica de Tabacos.

. Integración na cidade. Unha ferramenta cuxa aplicación supoñerá mellorar a calidade de todo o conxunto con todas as vantaxes que iso supón tanto para os habitantes, que terán un espazo público coidado e unha mellora de calidade de vida e de estética da zona, como para os comerciantes, xa que se prevé un impulso da actividade económica e do turismo. O casco histórico deixa de virar as costas á cidade e ao mar e intégrase no resto da Coruña. O Goberno local xa empezou a dar os primeiros pasos con proxectos como o de peatonalización da Cidade Vella ou a instalación de ascensores en Capitán Troncoso e As Ánimas.
. Reactivación do uso residencial grazas a:
A garantía de que todos e cada un dos edificios incluídos no ámbito poderán optar a subvencións, á instalación de ascensores e á rehabilitación das súas vivendas.
Se elimina o fóra de ordenación, para maior tranquilidade dos veciños e asegúrase a vida útil de cada edificio.
Se aposta por unha modernización de infraestruturas, espazos públicos e servizos que mellorarán a calidade de vida e a percepción estética da zona, non só para os veciños, senón para outros cidadáns que comezarán a ver esta zona como un lugar ideal para residir.
Flexibilidade. A zonificación do plan (tendo en conta a identidade de cada zona e as completas fichas individuais de cada edificio) vai permitir estudar caso por caso, en vez de aplicar de forma rigorosa e xenérica a norma.
ou Seguir o programa de rehabilitación supoñería intervir no 20% dos edificios e elevar a ocupación do parque edificado ata o 88%.

. Reactivación económica:
Aos profesionais do sector permítelles ter un maior coñecemento dos edificios da zona. Ademais, foméntanse as políticas de rehabilitación, xerando emprego nun sector castigado.
Regulación e flexibilidade en usos. Apóstase polos usos exclusivos, permitindo dedicar edificios a un uso comercial ou de oficinas (especialmente, na zona de Cantóns ou Peixaría). Desta forma, preténdese reactivar o corazón de negocios e financeiro non só da cidade, senón da bisbarra e rexional.
Toda a renovación estética, de edificios e de espazos públicos será un foco de atracción para veciños e turistas, axudando á reactivación do comercio e hostalaría.
Posta en marcha do Distrito Creativo.
Modernización: O obxectivo é que os veciños do ámbito, especialmente do casco histórico, gocen duns servizos, unhas infraestruturas e unha calidade de vida propia de calquera habitante dunha cidade actual, pero conservando e respectando o patrimonio arquitectónico e artístico. Por iso, o PEPRI achega algo máis que unha serie de normas, suxire plans para infraestruturas ou de espazos públicos: “Queremos que o centro histórico volva ser o centro social, cultural, económico e de negocios da área”, subliñou o concelleiro.
“Confiamos en que o PEPRI será a ferramenta perfecta para combinar a protección e conservación do noso patrimonio coa rexeneración económica e social de todo o ámbito para recuperar o lugar que merece e para ter un casco histórico á altura dunha cidade que conta cun Patrimonio da Humanidade como a Torre de Hércules”, finalizou Fernández Prado.